domingo, 22 de outubro de 2017

PORQUE CELEBRAMOS O SAMAÍN



INTRODUCIÓN: ORIXE DA FESTA 















Hai aproximadamente 2.600 anos chegaron a Galicia os pobos Celtas. Ademais dos seus adiantos científicos e técnicos, como foi a metalurxia do ferro, tamén trouxeron a súa cultura e as súas crenzas. 

Os celtas eran politeístas, adoraban a moitos deuses:

Dagda (deusa da bondade), Nuada (guerra), Bríxida (lume), Ogma (forza e literatura) Donn (morte), Lugh (sabiduría), As Morrigan (das batallas)…. 
De aí que as súas festas coincidan con determinadas datas relacionadas coas estacións e cos seus cambios:

 • 1 Febreiro en honra a Imbolc.

 • 1 Maio  Beltaine en honra a Belenos.
 • 1 Agosto en honra a  Lungh. 
 • 1 Novembro Samaín. 


A festa do Samaín, festa laica que representa a fin do verán, das colleitas e o inicio do frío, era a festa máis importante dos  celtas e marcaba os inicios do ano novo celta.


Tamén se celebraba a festa dos mortos. Esta era a data máis perigosa do seu calendario posto que o mundo dos mortos, o Outromundo, facíase accesible para os mortais, podendo pasar a formar parte del por culpa dun feitizo ou meigallo. 
Cando chegaban as celebracións do Samaín (o chegaren as longas noites escuras) tense por certo que os celtas colocaban unhas velas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos, colocándoas nos cruces de camiños, nos arredores e nas muradas dos seus castros, co obxecto de arrepiaren os inimigos, para asombro e veneración das súas xentes e para esconxurar os perigos da celebración.


UN FENÓMENO CULTURAL INTERNACIONAL







 Foron moitos os pobos que ó longo da historia atoparon nas cabezas do inimigos un elemento máxico de adoración e veneración; é sen dúbida a festa de Hallowen, que se celebra o día 1 de Novembro que ven do mundo británico con raíces celtas e o fenómeno cultural máis vencellado á nosa festa do Samaín.. Non se trata pois de comparar o Samaín coma unha copia do Hallowen, nin viceversa. As dúas celebracións son vestixios similares que arrancan de raíces culturais que noutro tempo coincidían no pobo galego e no británico. 

AS CABAZAS OU CABACEIRAS




 A cabaceira é unha planta de follas moles e amplas, cunhas flores comestibles de cor laranxa. O seu froito acada un grande tamaño e posúe unha cortiza dura que garda unha carne polposa na que se hai ducias de sementes chamadas pebidas. Soe plantarse a primeiros de verán no medio do maínzo porque aproveita as súas canas para prender os seus sarmentos. Necesita terreos húmidos e un tempo quente, soporta ben as terras ácidas por iso se da en Galicia. 
Existe unha grande diversidade de especies de cabaceiras (todas da familia das Cucurbitáceas), por exemplo a cabaza pasteleira, a cabaza de Senegal, a cabaza de San Pedro, a cabaza de California, a cabaza da India, etc. En Galicia seméntanse varias especies de cabaceiras sendo a máis común e a máis extendida a Cucurbita pepo ou cabaceira común. 

USOS DAS CABAZAS 



Os usos desta especie son moi variados, sendo a mantenza do gando a principal de todos eles. Así mesmo en moitas zonas de Galicia aproveitase para o consumo humano, facendo doces e potaxes para o que se aproveitan as máis maduras de todas elas. Este costume culinario tamén se atopa no mundo británico. Da súa cortiza pode extraerse tamén un aceite vexetal. Así mesmo, as pebidas enxoitas e salgadas son aproveitadas para o consumo humano e tamén hoxe en día véndense en moitas tendas para o seu consumo como outros froitos secos. 


COMO SE FAI UNHA CAVEIRA? 



A técnica do tallado da caveira é ben sinxela. Empézase facendo unha incisión superior semellante a unha boina. Afástase este bonete, límpase por dentro axudándose dun raspador, toda a polpa e os farrapos de onde colgan as pebidas ou sementes do froito. Tendo o interior ben limpo e rebaixado fanse dous furados para os ollos, outro para o nariz e outro para a boca. Pódese rematar poñéndolle uns pauciños nos beizos a xeito de dentes e prendendo unha vela no seu inteiror co coidado de colocala convenientemente para que non caia. 


REFRÁNS DE CABAZAS


A cabaza e o casar todo é acertar. 
A cabaza e o queixo, sempre ao peso. 

ADIVIÑA 

Que cousa cousiña é, que para adiviñar é, que na boca ten o pé? (A cabaza) 

COPLAS 



Os Celta da Terra Cha, 
na festa do Samaín 
utilizaban caveiras 
para asustar á xente 
que pasaba por alí. 

Os rapaces de Vilalba 

siguen á tradición, 
pero agora utilizan cabazas e melóns. 


No Ceip Insua Bermúdez 
imos facer unha exposición 
na festa do Samaín 
con cabazas e melóns. 

Se queres pasar medo

non se che ocurra faltar 
pois verás moitas cabazas 
e aos pequenos berrar.


Gracias ao CEIP Antonio Insua Bermúdez  por esta  Unidade Didáctica sobre o Samaín.

No enlace que aparece a continuación atoparedes información, imaxes, xogos, poesías.... sobre o Samaín, o magosto e o outono


SAMAÍN








AQUÍ VOS DEIXO OUTRA LIGAZÓN PARA UN SYMBALOO DO SAMAÍN
SYMBALOO SAMAÍN

Ningún comentario:

Publicar un comentario